Tuesday 07 de May de 2024

O PP de Culleredo sinala que a incapacidade de Rioboo para chegar a acordos impide a aprobación do suplemento de crédito


O Pleno Extraordinario de Urxencia celebrado este 28 de decembro deu como resultado a non aprobación definitiva do suplemento de crédito solicitado polo Goberno Local en outubro, tras os votos en contra dos principais partidos da oposición, PP e BNG.

Os populares manteñen así o sentido do seu voto e lamentan que se perderon estes case tres meses nos que, de haber verdadeira vontade por parte do alcalde Rioboo, púidose solucionar este suplemento de crédito sen chegar “ao tempo de desconto, co prexuízo que isto supón para o funcionamento do Concello, cuxo único e principal responsable é o alcalde”, inciden desde o Grupo Popular.

Os populares sinalan tamén que lles resultou especialmente vergoñoso o discurso victimista e carente de toda autocrítica do alcalde. “É incrible que nos pida responsabilidade política e consenso unha persoa que se caracterizou por todo o contrario. Fai o que digo e non o que fago. Levamos meses pedíndolle ese consenso do que tanto fala, desde outubro por activa e por pasiva pedimos analizar as partidas dese suplemento para maior claridade e eficiencia do mesmo, e non obtivemos máis que escusas e falsas acusacións en prensa. Así é imposible”.

Respecto ao outra orde do día, a resolución de discrepancias de intervención ao pago pendente das horas extra, #ante as dúbidas legais que expuña esta cuestión, o Partido Popular finalmente abstívose “tras a intervención no Pleno da interventora, asegurando que o importe desas horas extra non excede o límite legal. Aínda así, solicitamos o informe completo de intervención para, se se atopan finalmente indicios de prevaricación e/o malversación, levar o caso a fiscalía como están a investigar no caso de Cambre”, advirten desde o Grupo Popular.